
«Para min, a UD Cebarca é o meu fogar»
Hai persoas ás que é difícil poñerlles unha etiqueta. Oficialmente poden ter un cargo, pero na práctica fan un pouco de todo.
Se hai que preparar un adestramento, alí está. Se hai que botar unha man cos porteiros, tamén. Se toca falar coa arbitraxe, facer de utillero, atender a cantina ou mesmo completar un exercicio nos adestramentos… tamén está.
«Para o que lles faga falta», así resume el mesmo o seu papel no Cebarca.
Hoxe sentamos con Brais para descubrir quen é a persoa que leva xa catro temporadas arrimando o ombro, sempre lonxe dos focos, pero moi preto do día a día do equipo.
Para comezar
Para quen aínda non te coñeza… quen é Brais? Preséntate un pouco.
Bo, son Brais, teño 21 anos e sigo o fútbol desde pequeno. Non me gusta describirme, pero diría que son unha persoa moi sociable, próxima e aberta a novas ideas.
Que estudas ou a que te dedicas fóra do fútbol?
Estudo o grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos na Universidade da Coruña. Ademais, estoume formando para obter a licenza UEFA B de adestrador.
Como nace a túa relación coa UD Cebarca?
A miña relación coa UD Cebarca nace a través de meu pai, que xogou no club hai máis de trinta anos e foi campión de liga na temporada 1992/93, se non me equivoco. Ademais, os meus primos Joaquín e Darío xogaban no club e animáronme a empezar con eles. Así comezou o meu vínculo co Cebarca.

2012. Brais e o seu primo Darío. Unha paixón compartida desde ben pequenos.
O pasado
Ti viviches a etapa da base do club. Que recordos gardas daqueles anos?
Gardo recordos moi felices de todas as etapas. Aínda hoxe seguimos falando daqueles anos, dos torneos, dalgún gol, dos adestramentos…
Se tivese que escoller algunha, quedaría con calquera das temporadas con Gabi. A do fútbol sala foi espectacular. Tivemos que xogar a fútbol sala porque non xuntabamos xente suficiente para o fútbol once e pasamos un ano moi divertido, aprendendo un deporte “novo”.

Que tiña aquel grupo para que aínda hoxe o recordedes con tanto cariño?
Penso que o eixo era Gabi, que conseguía que todos nos sentísemos parte do grupo. Ademais, ao ser un ano de transición, despois de aprender o básico do fútbol sala, os adestramentos eran moi divertidos.
Botas de menos ser xogador ou desfrutas máis agora desde o corpo técnico?
Non, non o boto de menos. Quizais nalgún adestramento, porque a pelota sempre te chama, pero non me plantexo descolgar as botas. Se se desfruta máis non o sei, pero sufrir estou seguro de que si. 😂
Que che ensinou aquela etapa que aínda aplicas hoxe?
O que máis presente teño daquela etapa é o crecemento que viviu o club, desde as instalacións ata a maneira de traballar. Iso faime pensar que debo achegar o meu gran de area para continuar nesta liña ascendente.

O traballo diario
Dicir que es axudante de Gundín queda un pouco curto… Delegado, porteiros, arbitraxe, utillero, “médico”, cantina… Ao final, cal é realmente o teu papel dentro do Cebarca?
Penso que o meu papel é facer o que faga falta. Por iso digo que son o axudante. Nos equipos modestos os corpos técnicos non son moi numerosos, polo que, cantas máis tarefas sexas capaz de asumir, mellor.
Que tarefa é a que máis tempo che ocupa durante unha semana normal?
Probablemente, preparar os adestramentos dos porteiros. Gústame non repetir tarefas ou sesións e intentar que os adestramentos sexan entretidos.
Para iso é unha pasada ter a Trullo. Aprendín moito coa súa experiencia.
Xa afrontas a túa cuarta temporada no corpo técnico. En que cres que máis cambiou Brais desde aquel rapaz que chegou como delegado na 2023/24?
Penso que no que máis cambiei foi na implicación nas tarefas diarias do club, participando un pouco máis cada ano.
Cal é a parte máis gratificante da túa labor? E a máis complicada?
A parte máis gratificante é claramente a vitoria, sen dúbida. Pero, como supoño que será igual para todos, quédome con preparar unha tarefa e que saia ben.
A máis complicada, para min, é ter que atender lesións durante os partidos.

Algunha vez pensaches: «Isto non me toca facelo»? Ou no Cebarca todos tedes claro que aquí se arrima o ombreiro onde faga falta?
Non que eu lembre. Como dixen antes, penso que é fundamental que todos botemos unha man para que o club poida funcionar correctamente.
Gundín
Como é traballar con Fernando Gundín?
Traballar con Gundín foi moi sinxelo desde o principio. Lembro que falamos antes da primeira temporada sobre como iamos traballar e, pouco a pouco, fomos adaptándonos o un ao outro.
É unha persoa moi traballadora e con experiencia en distintas categorías, polo que tamén aprendo moito con el.
Que é o que máis aprendiches del desde que empezastes a colaborar? Hai algo que destacarías da súa forma de entender o fútbol?
Aprendín bastantes cousas, tanto sobre o xogo como sobre a xestión do vestiario e a planificación de sesións e tarefas.
Gústame que é un adestrador moi directo na comunicación e que sabe transmitir as mensaxes ao grupo.
Se mañá Gundín che dixese: «Hoxe dirixes ti o adestramento», como sería esa sesión? Cambiarías algo ou seguirías a mesma liña? 😄
Probablemente si, cambiaría algunhas cousas, aínda que mantendo a estrutura principal.
Que teñamos formas distintas de ver algúns aspectos do xogo creo que é bo, porque axuda a atopar solucións e incorporar variantes ao equipo. Iso si, unha vez que chegamos a un punto común, imos a tope coa mesma idea.

O vestiario
Moitos xogadores son tamén amigos teus. É difícil separar esa amizade cando toca traballar?
Polo xeral é fácil, porque o contexto tamén axuda. Penso que o feito de ter unha amizade fóra do campo afecta máis ao xeito de dicir as cousas que ás propias decisións, por unha cuestión de confianza.
Que cres que valoran máis os xogadores do teu traballo?
Penso que o que máis valoran é o compromiso de estar en cada adestramento e en cada partido.
Pola miña parte, intento servir de exemplo, non faltando nunca e axudando no que faga falta.
Hai algún xogador que che sorprendera especialmente desde que estás no corpo técnico?
Sempre que me preguntan por un xogador referente gústame mencionar a Álvaro Pita.
Máis alá do que se vía no campo, onde era un xogador espectacular, facía un esforzo incrible para poder vir adestrar. Algún día incluso viña só e adestraba pola súa conta.
Ademais, achegaba moito ao vestiario, tanto desde o aspecto emocional como desde o futbolístico.
Tes que fichar un xogador dun rival para o Cebarca. Con que perfil quedarías: un futbolista de moito talento pero que pode romper o vestiario, ou un xogador máis discreto, comprometido e que sempre suma para o grupo?
A pesar de considerarme un defensor do talento, do “10” e do futbolista diferente, penso que na idea deste club encaixa mellor un perfil traballador, discreto e disposto a integrarse.
En calquera caso, ambos os perfís teñen cabida e son compatibles, pero o esforzo non se negocia.
O Cebarca
Como ves a evolución do club nos últimos anos?
Creo que o club está facendo un gran traballo para evolucionar.
Desde a xente que traballa na directiva, como Calderón, Fabio, Dani ou Cristóbal, intentando que non nos falte de nada e atraendo xogadores de gran nivel ao club, ata os futbolistas, que se implican cada vez máis e entenden que, a pesar de ser unha competición de fútbol afeccionado, hai que traballar e comprometerse co equipo para que as cousas funcionen.
Que cres que necesita o Cebarca para seguir medrando? Ou, sendo máis realistas, para seguir sobrevivindo no fútbol afeccionado?
Penso que o Cebarca necesita seguir formando equipos competitivos e, sobre todo, próximos á xente da Barqueira.
Gran parte do que é este club non somos só os que estamos dentro, senón tamén os que cada fin de semana veñen ao Bernardino ou viaxan a onde toque, sexan veciños, familiares ou amigos.
A unión e a proximidade son fundamentais para que o club siga vivo.
O club celebra esta temporada o seu 50 aniversario. É unha motivación extra para competir cada partido? Que esperas desta temporada?
Sen dúbida que o é. Sei de boa man que a directiva leva moito tempo moi ilusionada co 50 aniversario, polo que hai moitas esperanzas depositadas en que fagamos unha gran temporada.
Falar de expectativas agora mesmo sería precipitado. Temos que facer unha boa pretemporada, chegar nas mellores condicións posibles á primeira xornada de liga e, a partir de aí, continuar traballando para mellorar ao longo do ano.

“Levo catro temporadas no club e, con toda sinceridade, para min a UD Cebarca é o meu fogar. Aquí síntome querido e valorado por toda a xente que forma parte del.”
Fútbol
A temporada pasada rematou cun sabor agridoce. Como a viviches desde dentro?
Desde dentro creo que foi complicada por momentos. É difícil manter a motivación cando te atopas en terra de ninguén.
Non obstante, penso que seguimos adestrando ben ata o final, aínda que non fomos capaces de demostralo no campo.
Como ves o equipo deste ano? Hai algo que che faga ser especialmente optimista?
Creo que este ano temos un equipo espectacular e moi completo.
Penso que a experiencia que achegan as novas fichaxes é o punto máis destacado. Son xogadores acostumados a partidos esixentes e que as viron de todas as cores no fútbol, desde fases de ascenso ata finais de Copa, algúns mesmo coa nosa camiseta.
A Segunda Futgal parece cada ano máis igualada. Que competición esperas?
Penso que cada vez se traballa mellor en varios equipos. O regreso da Terceira Futgal e a creación deste grupo único tamén elevaron o nivel competitivo de todos os conxuntos.
Ninguén regala nada e está demostrado que, sen dar o cento por cento, é moi complicado sacar os partidos adiante.
Redes sociais
Segues bastante as redes do club. Cres que hoxe tamén se xoga un partido importante fóra do campo?
Cada vez é máis importante amosar unha boa imaxe nas redes sociais, que son un activo importante para o club.
Forma parte do crecemento que mencionabamos antes. Unhas redes sociais profesionais e próximas á xente manteñen informados os veciños e os seguidores da liga sobre as novidades do Cebarca e contribúen a aumentar o seguimento do club.
O terceiro tempo ⚽🍻
Fai o teu Top 5 de xogadores da historia recente do Cebarca.
Non é sinxelo quedar só con cinco, pero vou escoller a Javi, Álvaro Pita, Diego, Chaíña e Álex.
Algúns desde o talento e outros desde o traballo e a constancia, penso que foron dos xogadores máis importantes dos últimos cinco ou seis anos.
Quen cres que foi o xogador máis infravalorado que pasou polo club?
Sempre vin a Víctor nese perfil de xogador que non se valora tanto desde fóra como desde dentro, aínda que pouco a pouco vai tendo máis recoñecemento.
Sempre está aí, cumprindo, traballando e aparecendo nos momentos difíciles.
Se puideses recuperar un exxogador para este equipo, a quen chamarías?
A Álvaro Pita, sen dúbida.
Que aprendiches del?
Que o esforzo e o compromiso son a base de todo. Non só no fútbol, senón tamén para gañar o respecto dos demais.
Minuto 90. Final da Copa. Penalti a favor do Cebarca. Podes escoller a calquera xogador da historia do club para lanzalo… Intuímos que Antón está automaticamente descartado. A quen lle dás o balón? 😂
Sempre lle digo a Javi que é como Messi: prefíroo lanzando faltas que penaltis. Porén, ese penalti tería que tiralo el.
Quen deste equipo cres que ten máis madeira de adestrador cando colgue as botas?
Bo, Javi xa me adestrou a min. Descartándoo a el, creo que Darío Breijo.
Quen manda realmente no vestiario?
Creo que é un vestiario bastante democrático, pero os que levan máis anos sempre impoñen un pouco máis de orde cando toca. Ao final, son as voces autorizadas.
Se tiveras que escoller un hashtag que definise a este equipo, seguirías con #FabioAlemany ou xa toca renovarse? 😄
Nada, este é o ano do #FabioAlemany. As cábalas non se cambian.
Para rematar
Se mañá deixases de vir un mes ao Cebarca, que cres que sería o primeiro que notarían os teus compañeiros?
Tranquilidade. 😂
Quizais botasen de menos algo de humor nos adestramentos, porque me gusta picalos de vez en cando. E tamén terían que ir buscar os balóns, que non botan poucos fóra. 😂
Completa esta frase: «Para min, a UD Cebarca é…»
O meu fogar.
Por que? Que ten este club para que o sintas así?
Sinto que nunca me faltou de nada e que me trataron como un máis desde o primeiro día. Despois de tantos anos, non podo sentilo doutra maneira.
E, por último, se alguén che preguntase por que merece a pena formar parte deste club, que lle responderías?
Porque entre os compañeiros, o corpo técnico e a directiva fórmase unha familia única, na que nunca che vai faltar de nada.

Rolda rápida
Un referente futbolístico: Mendilibar.
Un campo da categoría: Fóra do noso, o de Narahío.
Un partido inesquecible: Cebarca 1-0 Numancia, con gol de Canosa no desconto.
Un rival ao que sempre gusta gañarlle: A todos.
Unha palabra que defina a Gundín: Traballador.
Unha palabra que defina á UD Cebarca: Casa.
Un compañeiro que sempre che fai rir: Pati.
O xogador máis pesado do vestiario: Pódese repetir? Pati. 😂
O máis competitivo: Álex.
O máis puntual: Javi.
O que nunca chega á hora: Juan, por non repetir a Pati outra vez. 😂
Un momento vivido no Cebarca que gardarás sempre: A clasificación para a fase de ascenso e a viaxe a Melide.
#50AnosXuntos



Deja un comentario