
O vindeiro sábado 8 de agosto, o Campo Municipal Bernardino Breijo, na Barqueira (Cerdido), acollerá a segunda edición do Memorial Óscar Galego, unha cita moi especial para a familia da UD Cebarca e para todas as persoas que compartiron con Óscar unha vida ligada ao fútbol.
Despois da gran acollida da primeira edición, este ano o torneo trasládase á nossa casa e pasa a formar parte das actividades do 50 aniversario do club, mantendo intacto o seu verdadeiro espírito: lembrar a unha persoa que deixou pegada dentro e fóra dos terreos de xogo e colaborar cunha boa causa.

Toda a recadación da entrada solidaria, cun prezo de 3 euros, destinarase integramente á Asociación Española Contra o Cancro (AECC).

Tres equipos unidos por unha mesma historia
O cartel reúne aos tres equipos que representan as distintas etapas futbolísticas de Galego.
- UD Cebarca
- ADC Moeche
- Veteranos do Cedeira SD
- Amigos de Óscar Galego, un combinado formado por amigos e excompañeiros, encabezado polo seu irmán Rubén Galego.
Óscar naceu na Barqueira e iniciou a súa traxectoria deportiva na ADC Moeche con apenas 13 anos. Máis tarde converteuse nun referente e capitán da UD Cebarca, antes de continuar a súa paixón polo fútbol nos veteranos do Cedeira SD. O seu falecemento, en maio de 2025, uniu nunha mesma dor ás tres afeccións e a toda a comarca, que o recordan como unha persoa alegre, xenerosa e sempre disposta a axudar.






Programa deportivo
A competición disputarase nun formato áxil e pensado para que todos os participantes poidan compartir unha tarde de fútbol e convivencia.
17:00 h | Semifinal 1
UD Cebarca 🆚 Amigos de Óscar Galego
18:00 h | Semifinal 2
Veteranos Cedeira SD 🆚 ADC Moeche
19:00 h | Gran Final
Gañadores das semifinais
Antes da final disputarase unha quenda de penaltis para decidir o terceiro e cuarto posto.
Moito máis ca un torneo
O Memorial non pretende ser unicamente unha competición deportiva. É un punto de encontro para compañeiros, familiares, amizades e afeccionados que queren seguir mantendo vivo o recordo de Óscar.
Na primeira edición, celebrada en Cedeira, o protagonismo foi para os reencontros, a emoción e a solidariedade, nunha xornada na que o resultado pasou a un segundo plano para render homenaxe á súa figura e colaborar coa AECC.
Nesta segunda edición, a UD Cebarca asume a organización do evento coa colaboración do Concello de Cerdido e de Electricidad Cordobelas, coa ilusión de consolidar un memorial que nace para perdurar no tempo.
Desde o club queremos convidar a toda a nosa afección, á veciñanza de Cerdido e ás familias do fútbol da comarca a acompañarnos nunha tarde na que o importante será volver reunirnos arredor do deporte e da memoria dun compañeiro que sempre formará parte da historia da UD Cebarca.
Agardámoste o sábado 8 de agosto no Bernardino Breijo.




Deja un comentario