A UD Cebarca bota a andar: así será a pretempada do 50 aniversario

Este martes 4 de agosto a UD Cebarca volverá ao traballo. Arranca oficialmente a pretempada 2026/27, unha campaña moi especial para o club, marcada pola celebración do 50 aniversario.

Os primeiros adestramentos servirán para volver poñer o equipo en marcha despois do verán. Iso si, o grupo irase completando de maneira progresiva, xa que varios xogadores aínda se atopan de vacacións ou teñen compromisos persoais previstos desde hai tempo e incorporaranse nas próximas semanas.

Por diante agardan algo máis de cinco semanas de preparación nas que o corpo técnico buscará recuperar sensacións, integrar ás novas incorporacións e construír un equipo competitivo antes do inicio ligueiro, previsto para o 13 de setembro.

Calendario de pretempada

4 de agosto
Primeiro adestramento.

8 de agosto
II Memorial Óscar Galego
🕔 17:00 h
Bernardino Breijo

13 de agosto
CF San Sadurniño – UD Cebarca

19 de agosto
Cultural Maniños – UD Cebarca

23 de agosto
SRD Canido – UD Cebarca
🕢 19:30 h

27 de agosto
CCRD Perlío – UD Cebarca
🕗 20:15 h

29 de agosto
UD Cebarca – Racing Club Ferrol Xuvenil
🕖 19:00 h
Bernardino Breijo

2 de setembro
Trofeo Ortegal

5 de setembro
SD Valdoviño – UD Cebarca
🕣 20:30 h

13 de setembro
Inicio da Segunda Futgal.


Sete partidos, sete oportunidades para seguir medrando

A preparación deste verán reunirá rivais de perfís moi diferentes. Máis alá dos resultados, cada encontro servirá para seguir collendo ritmo competitivo e chegar nas mellores condicións ao comezo da liga.

Unha cita especial para comezar

A primeira parada será tamén a máis emotiva. O II Memorial Óscar Galego volverá reunir no Bernardino Breijo a familiares, amigos e afeccionados para render homenaxe a unha persoa moi querida e lembrada na nossa contorna.

Ademais do aspecto deportivo, será unha xornada solidaria na que toda a recadación das entradas irá destinada á Asociación Española Contra o Cancro.

Un primeiro exame de nivel

O primeiro amigable chegará fronte ao CF San Sadurniño, un rival que vén de lograr o ascenso tras unha excelente tempada. Será unha boa oportunidade para medir o momento do equipo apenas unha semana despois do inicio dos adestramentos.

Rivais coñecidos

Despois chegarán as visitas ao Cultural Maniños, SRD Canido e CCRD Perlío, tres equipos de entidade que obrigarán ao Cebarca a competir en contextos diferentes e seguir acumulando minutos.

O Canido, ademais, afronta a temporada coa moral reforzada tras conseguir recentemente o ascenso de categoría.

O único amigable no Municipal

O 29 de agosto, o Bernardino Breijo acollerá o único partido de preparación na casa, máis alá do Memorial. O rival será o Racing Club Ferrol Xuvenil, un equipo novo, intenso e con moita calidade, que suporá unha excelente pedra de toque na recta final da pretempada.

Mentres agardamos polo inicio da temporada, no Bernardino Breijo non se deixou de traballar.

Nas últimas semanas realizáronse diferentes actuacións de mantemento e mellora das instalacións, desde o terreo de xogo ata os vestiarios, para que todo estea preparado de cara a unha temporada moi especial.

Últimos axustes antes da liga

A última proba será o 5 de setembro fronte á SD Valdoviño, apenas unha semana antes do comezo oficial da competición. A esas alturas, o obxectivo xa non será tanto facer probas como terminar de afinar detalles e chegar coa mellor versión posible á primeira xornada.


Un verán para construír

As pretempadas nunca reparten puntos, pero si permiten construír equipos.

Para o Cebarca serán semanas de reencontros, de volver poñerse as botas, de integrar aos novos compañeiros e de recuperar os automatismos que logo marcarán o camiño durante a temporada.

Porque o importante non é chegar ben ao primeiro adestramento.

É chegar preparados ao 13 de setembro, cando empece de verdade unha campaña chamada a ser moi especial para todo o club.

#50AnosXuntos


Comentarios

Deja un comentario

Descubre más desde UD CEBARCA

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo