A UD Cebarca toma forma para o seu 50 aniversario

A tempada 2026/27 será unha campaña especial para a UD Cebarca. Non todos os anos se cumpren 50 anos de historia e, por iso, o club leva semanas traballando na construción dun equipo que represente da mellor maneira posible o que somos.

Antes de falar de fichaxes, renovacións ou despedidas, había unha cuestión importante por resolver: quen ía seguir liderando o proxecto desde o banco.

O primeiro paso foi asegurar a continuidade de Fernando Gundín e Brais “Fusti”, dúas persoas que coñecen perfectamente a realidade do club e que continuarán á fronte do equipo unha tempada máis.

Brais e Gundín siguen un ano mais ao fronte do equipo.

A partir desa base, o club foi confirmando renovacións, incorporacións, regresos e despedidas que van debuxando o grupo que defenderá a camiseta azul e branca no ano do #50AnosXuntos.

O bloque principal do vestiario seguirá moi presente. O capitán Javi Rodríguez continuará liderando o equipo unha tempada máis, acompañado por futbolistas que representan perfectamente o que é o Cebarca, como Alex Piñón ou Aitor Landrove.

Javi é o líder indiscutible deste grupo

A eles súmase tamén o regreso de Diego Graña, que despois de anunciar a súa retirada ao remate da pasada tempada decidiu volver para formar parte dun ano tan especial como o do 50 aniversario do club.

Xunto a eles, o Cebarca asegurou tamén a continuidade de xogadores importantes nas últimas campañas como Trullo, Deco, Juan López, Antón Blanco, Adrián Piñón, Pati, Marcos Balseiro, Víctor Bouza, Pablo Aneiros, Darío Breijo, Darío Abella, Fol ou Monti.

Un bloque no que a maioría dos seus integrantes xa coñecen perfectamente o club, o campo, a afección e o que significa vestir esta camiseta.

Reforzos para seguir medrando

A continuidade da base non impediu que tamén chegasen novas incorporacións para reforzar diferentes posicións do equipo.

Entre elas destaca especialmente a volta de Andrés Muiños, que regresa ao Bernardino Breijo despois de disputar as tres últimas tempadas en Preferente co Miño.

Xunto a el incorporáronse David Breijo, Dani Breijo, David Piñón, Pablo Casal, Marcos Rivero “Marquitos” e Marco “Luso”, reforzos que achegan perfís diferentes e que aumentarán a competencia dentro do grupo.

Entre experiencia, xuventude, coñecemento da categoría e ganas de aportar, o equipo vai tomando forma pouco a pouco.

Un verán tamén de despedidas

O fútbol tamén son chegadas e renovacións, pero tamén despedidas.

Nas últimas semanas o club anunciou as saídas de Santi Hermida, Aitor “Lobo”, Mathias “Mache”, Jesús “Suso” e Fernando López Mouriz “Chaí”.

Situacións diferentes entre si, pero todas elas merecedoras do agradecemento da entidade polo seu traballo e compromiso durante o tempo que formaron parte da familia do Cebarca.

Especialmente emotivas foron as despedidas de xogadores que deixan unha pegada importante na historia recente do club, como Mache, Suso ou Chaí, referentes dentro e fóra do campo durante moitas tempadas.

Un verán de moita actividade

Máis aló dos movementos deportivos, estas semanas serviron tamén para comprobar unha vez máis o interese que esperta o club entre a súa afección.

As publicacións relacionadas coa confección da plantilla acumularon miles de visualizacións, comentarios, comparticións e interaccións nas redes sociais do Cebarca.

Houbo apostas, quinielas, teorías de todo tipo e mesmo naceu un novo clásico do verán cebarquista: o xa famoso hashtag #FabioAlemany.

A dirección deportiva, por suposto, non quixo facer declaracións ao respecto, jajaja.

E isto aínda non rematou

Co bloque principal xa definido e coa maior parte dos movementos anunciados, a plantilla do 50 aniversario vai collendo forma.

Un grupo construído arredor da continuidade, da xente da casa, de regresos especiais e de novas incorporacións chamadas a sumar desde o primeiro día.

E si…

aínda queda algunha cousa por contar.

#ImosCebarca #50AnosXuntos


Comentarios

Deja un comentario

Descubre más desde UD CEBARCA

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo