Primeira saída, primeira proba esixente

O Cebarca afronta este domingo a primeira saída da temporada coa visita ao Galicia de Caranza, un dos equipos chamados a estar na parte alta da Segunda Futgal e que comezou a Liga deixando unha boa mostra do seu potencial: 0-4 a domicilio ante o Rápido de Neda.

O Cebarca tamén chega con tres puntos, aínda que por un camiño ben diferente. O 3-1 ante o Narahío deixou unha primeira metade con pouco fútbol nas áreas e unha segunda na que o equipo, despois de verse por detrás no marcador, deu un paso adiante, aumentou a presión e foi decididamente buscar o partido ata conseguir unha remontada resolta nos últimos minutos.

Máis alá do resultado, unha das boas noticias foi a resposta colectiva. Os cambios sumaron e os xogadores que partiron desde o banco entraron no partido coa intención de aportar. Nunha temporada longa, esa implicación de todo o grupo pode resultar tan importante como calquera once inicial.



Hai, con todo, unha incógnita que acompañará ao equipo neste inicio de curso: como compensar a ausencia de Javi Rodríguez. A lesión do capitán deixa ao Cebarca sen o seu principal referente ofensivo dos últimos anos e sen unha cifra de goles que daba moitas certezas antes de comezar cada temporada. Non se trata de atopar outro Javi, senón de descubrir entre todos de onde sairán agora eses goles.

Caranza será unha boa primeira medida.

O Cebarca non puido puntuar no Municipal de Caranza na sua última visita (2-0).

Diante estará un Galicia que xa ensinou na primeira xornada que ten argumentos e que parte como un dos equipos a ter moi en conta nesta Liga. Para o Cebarca, unha oportunidade de comprobar como responde lonxe do Bernardino e ante un rival desta entidade.

Galicia de Caranza – UD Cebarca
📅 Domingo 20 de setembro
🕛 12:00 h
🏆 Segunda Futgal | Xornada 2

Primeira saída. E unha boa proba para seguir coñecendo a este Cebarca 2026/27.

#ImosCebarca #50AnosXuntos


Comentarios

Deja un comentario

Descubre más desde UD CEBARCA

Suscríbete ahora para seguir leyendo y obtener acceso al archivo completo.

Seguir leyendo