Adriano Quintas regresou do Mundial ISKA AMA 2026 con dúas medallas de bronce. Unha alegría para el, para a súa familia e para os que o acompañan neste camiño, á que tamén nos sumamos desde o Cebarca.
Hai noticias que nos gusta compartir aínda que non cheguen do campo de fútbol. Esta vez, a alegría vén de Aranjuez, onde Adriano Quintas conseguiu dúas medallas de bronce no Campionato do Mundo ISKA AMA 2026, disputado do 5 ao 8 de novembro no complexo deportivo Las Olivas.
A imaxe de Adriano coas medallas e coa bandeira de Cerdido resume ben o que significou esta experiencia. O Concello, que lle desexara sorte antes de competir, felicitouno polo resultado e polo esforzo e constancia que hai detrás.


Un camiño que se vai construíndo
Adriano practica kickboxing da man de La Fragua, club domiciliado nas Somozas, e xa viña compartindo boas noticias coa súa familia.
No Campionato Galego celebrado en Marín conseguiu dúas medallas de ouro, segundo informou a publicación compartida polo Concello das Somozas e o club. En xuño chegou outra oportunidade: a convocatoria por Galicia para participar no Open Nacional ISKA de Bilbao.
Agora suma estes dous bronces mundiais. Entre unha cita e outra quedan os adestramentos, a aprendizaxe e o apoio das persoas que o acompañan. E, sobre todo, as ganas de seguir gozando dun deporte ao que lle dedica tempo e esforzo.
Unha alegría que sentimos preto
«Unha experiencia única e un orgullo inmenso». Así contaba Rita Teixeira, nai de Adriano e colaboradora do Cebarca, o regreso a casa coas dúas medallas. Na súa mensaxe tamén se lembraba dos que estiveron en Aranjuez e dos veciños, familiares e amigos que agardaban noticias desde aquí.
«Sempre te vamos apoiar en todo», escribía. Unha frase sinxela que di moito do que significa acompañalo.
No Cebarca coñecemos ben ese cariño. Rita comparte connosco moitos momentos arredor do club e Adriano é, ademais, sobriño do noso xogador Marco «Luso». Por iso nos presta especialmente facerlle un sitio na nosa web e celebrar con eles este resultado.
Parabéns tamén á súa familia, a La Fragua e a todos os que o axudan a aprender e a seguir adiante.




Na nosa contorna
Con Adriano abrimos «Na nosa contorna», un pequeno espazo para achegarnos, de cando en vez, ás persoas e iniciativas que forman parte da vida de Cerdido. Porque o que lles pasa aos nosos veciños tamén nos importa e hai alegrías que merece a pena compartir.
Parabéns, Adriano! A seguir aprendendo e gozando do kickboxing. Desde o Cebarca mandámosche unha aperta.



Deja una respuesta