


O Racing Club Ferrol e a UD Somozas foron os protagonistas deportivos dunha xornada moi especial para a UD Cebarca, organizada no marco da celebración do 50 aniversario do club. O encontro, que rematou sen goles e se decidiu nos penaltis a favor do Racing, foi o centro dunha tarde chea de momentos para o recordo no Bernardino Breijo.
O sábado 22 de agosto quedará gardado entre esas datas especiais da historia recente do Cebarca. Por primeira vez, o Bernardino Breijo recibía nun mesmo encontro dous equipos da entidade do Racing Club Ferrol e da UD Somozas, nun Trofeo Concello de Cerdido concibido como unha das citas especiais da programación arredor do noso 50 aniversario.
O tempo non acompañou tanto como nos gustaría. A tarde foi deixando vento e temperaturas máis frescas das esperadas para un día de agosto, pero iso non impediu que desde bastante antes do inicio o Municipal fose collendo ambiente e que afeccionados de Cerdido e doutros puntos da comarca se achegasen para compartir connosco unha ocasión pouco habitual no noso campo.
E o escenario estaba preparado para ela. O céspede do Bernardino Breijo presentou un estado magnífico, culminando o traballo realizado durante as últimas semanas para que o campo chegase nas mellores condicións posibles a unha das citas máis especiais deste verán.
Unha sorpresa para Chaí
Antes de que comezase o fútbol chegou un dos momentos máis emotivos da tarde.
O club quixo aproveitar unha ocasión tan especial para sorprender a Fernando López Mouriz, “Chaí”, que pecha este ano a súa etapa como xogador, cun pequeno acto de recoñecemento pola súa longa vinculación, compromiso e dedicación á UD Cebarca.
Chaí non sabía nada do que estaba preparado. Rodeado de compañeiros e de xente coa que compartiu tantos anos de fútbol, recibiu varios recordos do club, entre eles unha lámina coas firmas e mensaxes de persoas que formaron parte do seu camiño.
A sorpresa fixo o resto. A emoción de Chaí converteu uns poucos minutos antes do pitido inicial nun dos momentos que seguramente máis lembraremos desta xornada.

Un recordo do Racing polo noso 50 aniversario
Tamén nos instantes previos ao encontro vivimos outro xesto que agradecemos especialmente.
Juan Pazos, presidente da Fundación Racing Club Ferrol, fixo entrega ao presidente da UD Cebarca, Cristóbal López Caneiro, dun obsequio conmemorativo da visita do Racing ao Bernardino Breijo e do 50 aniversario do noso club.
Un detalle que pasa desde agora a formar parte dos recordos dunha celebración que pretende precisamente iso: aproveitar este aniversario para mirar a nosa historia, pero tamén para vivir momentos novos que permanezan nela.

Noventa minutos e uns penaltis para decidir o trofeo
Co protocolo rematado chegou o fútbol.
Racing Club Ferrol e UD Somozas disputaron un encontro igualado que terminou 0-0 despois dos 90 minutos. La prensa deportiva destacó precisamente que las dos categorías de diferencia entre ambos conjuntos apenas se percibieron sobre el terreno de juego.
Foi necesaria, polo tanto, unha quenda de penaltis para decidir o gañador do Trofeo Concello de Cerdido, que finalmente quedou en mans do Racing Club Ferrol. Para o conxunto ferrolán, ademais, o encontro significou o último compromiso da súa pretempada antes do inicio da competición oficial.
Pero para o Cebarca o resultado era probablemente o menos importante da tarde. O verdadeiro premio estaba en poder ver o noso campo acollendo un encontro destas características e compartilo coa nosa xente.
Os Irmandiños tamén formaron parte da xornada
Houbo ademais pequenos protagonistas que merecen unha mención.
Nenos da base da Escola de Fútbol Irmandiños participaron no encontro realizando as funcións de recollebólas, podendo vivir desde dentro unha tarde diferente e estar a pé de campo xunto aos futbolistas do Racing e do Somozas.

Unha maneira tamén de facer partícipe ao fútbol base da comarca dunha celebración que quixemos que fose máis alá dos noventa minutos.
Así vivimos o Trofeo Concello de Cerdido 👇

A entrega do Trofeo Concello de Cerdido
Ao remate da quenda de penaltis tivo lugar a entrega de trofeos sobre o propio céspede do Bernardino Breijo.
Participaron nela o alcalde de Cerdido, Alberto Rey, e o presidente da UD Somozas, Juan Alonso Tembrás, pechando así unha xornada que comezara moito antes do pitido inicial.
Porque para que ás oito da tarde un balón comece a rodar hai moitas horas de traballo que normalmente non se ven.




Grazas
Desde a UD Cebarca queremos agradecer ao Concello de Cerdido a súa colaboración e implicación na organización do trofeo; ao Racing Club Ferrol e á UD Somozas, pola súa disposición para formar parte dunha data tan especial para nós; á Escola de Fútbol Irmandiños e aos seus nenos; e a todas as persoas, entidades e colaboradores que contribuíron á organización.
E, especialmente, queremos dar as grazas a todas as persoas do club que durante estes días traballaron no campo, nas instalacións, na cantina e na carpa, nos accesos, na venda de entradas, na preparación do material e en tantos pequenos detalles necesarios para que todo estivese listo.
E grazas, por suposto, a todos os que vos achegastes ao Bernardino Breijo. Aos de sempre e aos que talvez onte cruzastes por primeira vez a porta do noso campo.
Cando comezamos a preparar os actos deste aniversario queriamos que os 50 anos do Cebarca non fosen simplemente unha cifra ou un logo. Queriamos aproveitar a ocasión para facer cousas que deixasen recordos.
O sábado vivimos unha delas.
50 anos xuntos. E seguimos. 💙




Deja un comentario