A UD Cebarca tivo a vitoria na man, pero acabou cedendo un empate 1-1 ante o C.F. Mandiá no Municipal Bernardino Breijo, nun partido correspondente á xornada 17 da Segunda Futgal – Grupo Único de Ferrol.
O Cebarca foi superior na primeira metade, levando o peso do xogo e atopando premio no minuto 32, cun tanto de Javi Rodríguez que fixo xustiza ao dominio inicial. Porén, tras o descanso o partido mudou de guión. O Cebarca non conseguiu dar continuidade ao seu xogo e o Mandiá foi gañando terreo co paso dos minutos.
Como recoñeceu o capitán ao remate do encontro:
“Na primeira parte dominamos moito, aínda que sen demasiadas ocasións claras. Na segunda dimos un baixón, non fomos quen de facer o noso xogo e eles acabaron empatando merecidamente.”
O gol visitante chegou no minuto 89, cando a vitoria xa parecía asegurada, deixando un sabor agridoce e a sensación de oportunidade perdida, aínda que o conxunto de Gundin continúa situado na parte alta da clasificación.
Xa dispoñible a galería completa do encontro, con imaxes de Karlos Basoa, desde o Bernardino Breijo:
Deja un comentario