Álex González: “Esta camiseta simboliza a unión dun pobo e dunha afección”

A UD Cebarca inicia a tempada 2025/26 coa ilusión intacta e coa confianza de ter no vestiario un referente: Álex González Piñón, un dos capitáns do equipo e xogador que leva máis dunha década defendendo os nosos cores. A súa historia é tamén a historia do club: compromiso, superación e orgullo por representar a Cerdido.

“Para min é un orgullo”

Álex leva toda unha vida vencellado ao Cebarca. Para el, vestir a camiseta non é un simple xesto deportivo, senón un símbolo de identidade. “Para min é un orgullo. Esta camiseta simboliza moi ben parte do nome do club: Unión. É a unión dun pobo, dos veciños, dun vestiario e dunha afección que sempre está con nós”, sinala.

Lesións e resiliencia

A súa traxectoria non foi doada. Unha grave lesión de cruzado na tempada 2021/22 e outra de menisco na 2023/24 fixérono pasar polo quirófano e perder campañas completas. “Toda lesión ten momentos bos e malos, pero o apoio da xente que me rodea e a paixón por este deporte foron os piares que me fixeron regresar”, explica.

Ese espírito de loita tivo recompensa: na 2024/25 puido disputar a tempada completa, recuperando o seu nivel. “Foi un comezo difícil, con medos, molestias e dúbidas… pero pouco a pouco volvín ter ganas de dar máis”.

Na tempada 2022/23, tras a súa recuperación, Álex volveu competir con regularidade nun ano histórico no que o club alcanzou por primeira vez a final da Copa. Un auténtico equipazo que sufriu un infortunio pouco habitual coas lesións.

O rol de capitán

Xunto a Javi, Álex exerce como capitán do equipo. Cun estilo máis silencioso, baséase no exemplo e no compromiso. “Só intento dar exemplo de constancia e esforzo, apoiar aos meus compañeiros, que sexamos unha familia e, por suposto, tamén encargarme das multas e de pagar os pinchos cando toca”, comenta cun sorriso.

A directiva, chave para manter o espírito do club

 O Cebarca contou en tempos cunha xeración forte de xogadores da casa: Alex, Javi, Fabio, Abella, Luso, Diego, Damián, Alberto, Óscar… Hoxe son menos, quedan poucos, pero o espírito segue vivo. A directiva está a facer un traballo inconmensurable para manter esa identidade malia a falta de relevo xeracional. “Foron bos tempos, nada mellor que xogar cos amigos de toda a vida. Agora temos a Darío, Antón, Víctor… que colleron o relevo e nos que os máis veteranos nos vemos reflexados”, apunta.

Unha liga moi esixente

O balance da pretempada é moi positivo: “Foi de dez. Todo o mundo estivo involucrado, dando o mellor de si en cada adestramento e en cada partido. Creo que imos vivir unha das ligas máis entretidas e intensas dos últimos anos”, asegura.

O debut non será doado: o Numancia de Ares, recén descendido de Primera Futgal, visita o Bernardino. “É un rival moi completo, pero temos moitas ganas de comezar e imos loitar polos tres puntos”.

Partido a partido

Álex non fala de obxectivos grandilocuentes “Prefiro non marcar obxectivos fixos: ir partido a partido, pelexando cada minuto, e despois veremos ata onde podemos chegar”.

E deixa unha mensaxe final: “Quero agradecer a todos os que están con nós defendendo este escudo. ¡Imos Cebarca!”