
Este domingo puxemos o ramo a unha tempada inesquecible cun partido que, aínda con resultado adverso, reforzou o espírito e a unión que definen á UD Cebarca. No campo Municipal Jesús Carlos Pampín de Melide, os nosos loitaron ata o final nun ambiente digno dun playoff de ascenso, arroupados por unha afección exemplar que deixou ben alto o nome do noso club.

Tras o 1-2 da ida en O Breijo, tocaba remar contra corrente ante un gran rival e nun escenario esixente. Os goles locais chegaron na segunda metade e puxeron o 2-0 final, sentenciando unha eliminatoria na que non faltaron nin entrega, nin emoción, nin apoio masivo desde a bancada. O global (4-1) reflexa a superioridade do Cire, que foi un rival formidable ao que felicitamos e desexamos toda a sorte no que resta de fase.
Pero máis aló do marcador, quedamos co orgullo de ter competido ao máximo nivel, de compartir terreo de xogo con xente á altura —dentro e fóra do campo— e de contar cunha afección que converteu a grada nun mar azul e branco que emocionou a todos. O recibimento que nos deu Melide foi exemplar, demostrando que o fútbol tamén une, que se pode competir con intensidade e ao tempo compartir respecto e admiración mutua.
Grazas tamén ao Concello de Cerdido por facer posible o desprazamento en bus, e a todas as persoas que fixeron deste día unha festa.

O sorteo puxo no noso camiño un dos cocos da competición, e nós aceptamos o reto con humildade e ambición. Demos a cara, xogamos sen medo e camiñamos como equipo. E así seguiremos.
Porque este escudo non se viste, séntese.












Deja un comentario