
O soño segue vivo. A UD Cebarca certificou este domingo a súa presenza no playoff de ascenso á Primeira Galicia logo dunha vitoria sufrida e moi traballada por 2-1 fronte ao CD Cariño, na derradeira xornada da Segunda Futgal – Grupo Ferrol.
O Municipal Bernardino Breijo viviu unha mañá de emocións intensas e latexo colectivo, co equipo entregado á causa e unha bancada que empurrou ata o último segundo.
Crónica dun partido de tensión e carácter
O encontro comezou con forza para os nosos. No minuto 7, un centro perfecto de Adrián Piñón atopou a cabeza de Antón Blanco no segundo pau, que cun remate sublime puxo o 1-0 e acougou uns nervios iniciais que xa foran protagonistas na xornada anterior.

Con todo, o Cariño —sen nada en xogo pero cunha actitude de 10— igualou no 34’ por medio de Manuel Fraguela. O empate devolvía a incerteza, e con ela, a tensión nas bancadas.
Na segunda metade, o míster Fernando Gundín moveu ficha no 60’, introducindo a Marcos Balseiro e Aitor Landrove para reforzar o medio campo e gañar duelos. O partido mantíñase igualado, e só un Canosa moi seguro evitou que os visitantes se adiantasen.
E así, no minuto 87, chegou o momento que pasará á historia do club: saque de esquina, rexeite, cabezazo de Pita e unha man clara na área. Penalti. O capitán Javi Rodríguez asumiu a responsabilidade e, cun disparo raso e axustado, selou o 2-1 definitivo. Estoupido no Breijo e praza de playoff asegurada!
Fernando Gundín: “Este equipo merece este premio”
Tras a vitoria ante o CD Cariño e a clasificación para o playoff, o noso adestrador valorou así o encontro e o que significa para o club este logro:

“Foi un partido de moita tensión, lóxico polo que nos xogabamos. Esa presión fixo que estivésemos máis nerviosos e imprecisos do habitual. Ademais, o rival púxonos as cousas difíciles: teñen xogadores de calidade e viñan moi motivados.”
“Foi un duelo pechado, con poucas ocasións, pero penso que —agás por algúns minutos nos que sufrimos— soubemos competir e sacar o partido adiante.”
“Doulle unha importancia grandísima a esta vitoria, porque nos dá o premio de xogar a fase de ascenso. Creo que o merecemos pola tempada que fixemos e, sobre todo, pola gran segunda volta do equipo.”
“Estou moi contento por esta clasificación, sobre todo polos xogadores e pola directiva, que se merecen todo polo seu compromiso e traballo. Agora sabemos que estas fases son complicadas, pero temos moita ilusión… e estou seguro de que imos loitar ata o final.”
Temporada de mérito: terceira praza e datos para lembrar
O Cebarca remata a liga cun balance espectacular:
3º clasificado, con 66 puntos, 76 goles a favor e só 26 en contra. A segunda mellor defensa da categoría. Un final de tempada brillante: 5 vitorias nas últimas 6 xornadas. Javi Rodríguez, capitán e referencia ofensiva, pecha con 28 goles en 29 partidos, sendo o segundo máximo goleador da liga.
Unha vitoria para a historia… e para toda a familia Cebarca
Queremos agradecer a toda a afección que nos acompañou durante esta tempada. Grazas ás familias, á directiva e a todos os que fixestes do Municipal o nosso fortín. Este logro é de todos.
Agora, toca seguir soñando, disfrutar dun playoff e loitar ata o final.
O camiño continúa. E como sempre… XUNTOS.

📸 Desfruta da galería de imaxes do partido na nosa conta de Instagram → @udcebarca
#UDCebarca #SomosDePlayoff #PaixónEOrgulloDeCerdido


Deja un comentario