A xornada 27 deixounos unha auténtica exhibición da UD Cebarca ante un dos grandes favoritos da categoría. O equipo dirixido por Fernando Gundín superou con autoridade ao C.F. San Sadurniño (1-3) a domicilio, nun encontro que reafirma o excelente momento dos nosos e mantén intactas as opcións de ascenso a falta de só tres xornadas.

Resumo do partido
A UD Cebarca saíu moi seria desde o primeiro minuto, sen apenas conceder ocasións atrás e chegando con claridade á área rival. A superioridade transformouse en vantaxe grazas ao gol de penalti de Javi Rodríguez no minuto 13. Xa nos instantes finais da primeira metade, Mathias fixo o segundo cunha gran definición. A segunda parte comezou do mellor xeito posible, cun gol de estratexia nun saque de esquina que Javi converteu no 0-3. O Sansa recurtou distancias no 60’, pero o equipo soubo manter o control e a vantaxe ata o final. Un triunfo serio, de equipo grande.

Clasificación apretada e todo por decidir
Con esta vitoria, a UD Cebarca suma 59 puntos e sitúase terceira, a dous do segundo posto (San Sadurniño, 61) e a seis do líder Meirás (65). Por detrás, Barallobre (58), Narahio (54) e Cariño (53) seguen presionando. A igualdade é máxima e os duelos directos destas últimas xornadas serán decisivos.

Entrevista exprés co capitán: Javi Rodríguez, o home dos goles

— Javi, tres partidos por diante e todo por decidir. Como afrontades este treito final?
Javi: Pois dunha maneira moi positiva e nun estado de forma moi bon. Creo que chegamos no mellor momento para os partidos máis importantes da temporada.
— O equipo vén de varios partidos de moita loita. Como ves ao grupo?
Javi: Véxonos moi ben, moi motivados e con moito compromiso e esforzo por parte de todos. Creo que esa é a clave dos bos resultados.
— 25 goles esta tempada e posibilidade real de ser o máximo goleador da categoría. Que supón para ti a nivel persoal?
Javi: Sería unha alegría para min, e sei que para os compañeiros tamén, porque me axudan e me motivan en cada partido. Pero o que máis me importa é o obxectivo grupal. Se podo axudar con goles a conseguilo, mellor que mellor.
— Como ves as opcións reais do Cebarca para meterse no playoff?
Javi: Estamos no noso mellor momento e véxonos con moitísimas posibilidades, pero sabemos que non vai ser nada fácil. Non podemos relaxarnos porque os nosos rivais tampouco van fallar.
— Unha mensaxe para a afección nesta recta final?
Javi: O seu apoio é moi importante. Ver á xente ilusionada con este grupo é unha motivación extra para dalo todo nestes tres partidos que quedan.

As contas do ascenso
Co novo formato de competición e a igualdade entre os primeiros seis equipos, cada punto pode ser ouro. A UD Cebarca afronta un calendario esixente pero ilusionante, e con toda a afección empuxando, o soño do ascenso está máis vivo ca nunca.
O que vén
Na próxima xornada recibiremos ao CD Narón, un rival incómodo que na primeira volta nos complicou moito. Será outra final nun Bernardino Breijo que debe ser unha caldeira de apoio e paixón.
A UD Cebarca afronta tres finais:
Xornada 28: UD Cebarca – CD Narón
Xornada 29: ADC Moeche – UD Cebarca
Xornada 30: UD Cebarca – CD Cariño
Dous partidos na casa e un derbi fora para decidir o futuro inmediato do equipo.
Forza Cebarca! Quedan 3 finais!
#UDCebarca #FútbolGalego #PaixónEOrgulloDeCerdido #SegundaFutgal #Xornada27 #ObxectivoAscenso


Deja un comentario