Hai xente que non sae nas fotos nin marca goles, pero sen a que o club non camiña.
Óscar González Calderón leva máis dunha década formando parte da UD Cebarca. Entrou na directiva case sen facer ruído, cando o club empezaba a medrar coa base, e desde entón converteuse nun deses nomes que sempre están: na cantina, coa roupa, coas instalacións, cos adestramentos, falando co Concello ou resolvendo problemas cando ninguén mira.
Compaxina o seu traballo profesional cun compromiso constante co club, e representa como poucos esa maneira humilde e silenciosa de facer Cebarca. Nesta entrevista falamos con el do traballo que non se ve, do pasado recente do club e do futuro que todos queremos coidar.
Chegada ao Cebarca
Óscar, non fuches xogador, pero levas máis dunha década ligado ao Cebarca. Como chegas á directiva arredor de 2011–2012?
Entrei na directiva cando o Cebarca comezou a traballar coa base. Foi un momento no que o club estaba medrando e facían falta mans e xente disposta a botar unha axuda.
Comezaches como vocal e pouco despois asumiches a tesourería nun momento de cambios. Como recordas aquela etapa?
O primeiro ano entrei como vocal e ao seguinte houbo moitos cambios na directiva. Nese momento pasei a levar a tesourería, nunha etapa algo inestable, pero coa idea clara de que o club tiña que seguir adiante.

O traballo invisible
Moita xente ve o Cebarca os domingos, pero non todo o que hai detrás. Como é realmente o teu día a día no club?
Agora o día a día é máis doado ao non ter categorías base, pero aínda así sempre hai cousas que facer. O club require atención continua, aínda que non sempre se vexa.
Cantina, roupa, adestramentos, relación con clubs veciños e institucións… Como se sostén todo iso nun club humilde?
Non é fácil soster hoxe en día un club modesto, pero coa axuda do Concello e da Deputación imos tirando. Tamén temos moi boa relación coa U.D. Somozas, o que facilita moito as cousas a nivel de adestramentos por poñer un exemplo.
Que tarefas cres que son máis descoñecidas pero fundamentais?
Para min o máis importante é ter unha directiva implicada e con ganas de traballar. Sen iso, nada funciona.

Compromiso persoal
Como compaxinas a túa vida laboral cunha dedicación tan grande ao club?
Agora é máis fácil porque non hai base e porque contamos cunha directiva na que todos axudan. Iso fai que o traballo se reparta e sexa máis levadeiro.
Houbo momentos nos que pensaches en deixar o club?
Si, houbo momentos nos que pensei en dar un paso atrás, pero é moi difícil deixar unha familia como é a do Cebarca.

O club por dentro
Desde dentro, como definirías ao Cebarca como club e como entidade social en Cerdido?
O Cebarca é un club humilde, moi ligado á xente do pobo. Non é só fútbol, é un punto de encontro e un lugar onde a xente se implica e sente o escudo como algo propio.
No deportivo, agora hai xente encargada desa área. Como valoras ese cambio?
Levo un par de anos sen levar directamente a parcela deportiva. Agora esa responsabilidade repártese entre xente da casa, como Fabio Aneiro, exxogador e rapaz do pobo que sente o escudo, e António López Iglesias, que tamén achega experiencia e criterio. Están facendo un moi bo traballo e iso nótase no día a día do equipo.
Que cres que fai que xogadores de fóra queiran vir ao Cebarca?
O bo ambiente, o trato e a forma de funcionar do club. Aquí a xente séntese a gusto desde o primeiro día.

Infraestruturas
Que importancia teñen as melloras nas instalacións e no material?
Son importantes para dignificar o club e para que a xente se sinta cómoda, tanto os xogadores como a afección.
Que papel xogan as institucións?
Sen a axuda do Concello de Cerdido e doutras institucións sería moi complicado sacar todo adiante.

50 aniversario
Que significa para ti formar parte dos 50 anos do Cebarca?
Para min é un pracer formar parte da historia do Cebarca.
Que che gustaría que a xente percibise neste aniversario?
A xente vai empezar a percibir cousas nos próximos días, como a roupa do 50 aniversario. Pouco a pouco irase vendo todo.
De que cambio estás máis orgulloso?
De cando se formou a base. Ninguén pensaba que un club tan humilde chegase a ter seis equipos, incluído un feminino.
“Ninguén pensaba que un club tan humilde chegase a ter seis equipos, incluso un feminino.”

Equipo prebenxamín do Cebarca, o único equipo benxamín da nosa historia e, probablemente, un dos momentos máis especiais do club. Tamén foi o único en conseguir un título oficial para o Cebarca. Mágoa que só durase unha tempada.
Presente e futuro
Como ves ao Cebarca hoxe?
Vexo o club moi ben a nivel humano e estrutural, con xente nova que aporta ganas e ilusión, e cunha directiva cada vez máis repartida, onde cada un sabe cal é o seu papel.

E dentro de dez anos?
O máis importante é que siga habendo Cebarca dentro de dez anos, que o club sexa viable.
Que mensaxe mandarías á xente nova?
Que se impliquen, porque o club necesita xente con ganas, dentro e fóra do campo.
Momentos inesquecibles?
O partido contra o Numancia na casa loitando polo ascenso, a final de Copa contra o Perlío e a fase de ascenso ante o Cire de Melide.








— E para rematar, gustaríache engadir algo máis?
Gustaríame que a xente se animase a vir este domingo ao Bernardino Breijo contra o San Sadurniño. Xogamos contra o líder e sería bonito ver o campo cheo. E ademais estreamos a equipación do 50 aniversario… así que é un día bonito para estar.
Óscar non busca protagonismo, pero o seu traballo sostén o día a día do club. A UD Cebarca é tamén o resultado de persoas como el, que levan anos facendo que todo funcione sen facer ruído. Desde o club, grazas polo compromiso e por seguir estando cando fai falta.



Deja un comentario