David Galdo: “Nunca lle dei importancia aos minutos: mentres lle vaia ben ao Cebarca, eu estou tranquilo”

Hai xogadores que pasan por un club e hai outros que medran dentro del. David Galdo pertence a ese segundo grupo. Criado practicamente ao lado do Bernardino Breijo, formouse no Cebarca desde neno, viviu o club como xogador, como afeccionado e como parte dunha familia profundamente ligada á súa historia. Hoxe, unha lesión frea momentaneamente o seu camiño, pero non a súa ilusión nin o seu sentimento.

Falamos con David para coñecer a súa traxectoria, as súas raíces e o que significa vestir a camiseta do equipo da súa vida.

Raíces e identidade

— Vives practicamente ao lado do Bernardino Breijo. Que lembranzas tes da túa infancia ligadas ao campo e ao Cebarca?

“Vivo practicamente ao lado do Bernardino Breijo e iso marcou moito a miña infancia. Pasei moitas horas arredor do campo vendo xogar ou adestrar ao Cebarca, xogando cos amigos e vivindo o fútbol como algo moi próximo. Para nós non era só un campo, era un punto de encontro.”

— En que momento sentiches que o Cebarca non era só o equipo do pobo, senón o teu equipo?

“Desde o momento no que entrei no club. Trátante sempre como un máis, nunca te sentes descuidado. O Cebarca é diferente porque é máis ca un equipo, é unha familia de xente marabillosa.”

“Para nós o Bernardino Breijo non era só un campo, era un punto de encontro para quedar cos amigos.”

Comezos no fútbol

— Comezaches a xogar con 5 anos e como porteiro. Por que baixo paus?

“O fútbol sempre me gustou desde pequeno e son do Barça desde que teño uso de razón. O que me levou a poñerme de porteiro foi Víctor Valdés, que sempre foi o meu ídolo.”

— Que recordos gardas de esa primeira etapa no Cebarca?

“Nesa etapa coñecín a moitos amigos que aínda hoxe están ao meu lado. Aprendín de moitos adestradores, pero o mellor recordo é Gabi: gran adestrador e gran persoa. Tivo moita paciencia comigo, xoguei moitos anos nunha categoría superior e sempre tiña algo novo que ensinarme.”

Formación e cambios

— Na tempada 2018/19 non houbo infantil de campo no Cebarca e xogaches fútbol sala. Como foi esa experiencia e que che achegou como futbolista?

“Ese ano, por falta de xente, non puidemos facer equipo de infantil de campo e xogamos fútbol sala. Gardo esa etapa con moito cariño porque foi algo diferente ao que estaba acostumado. Adaptámonos rápido grazas a Gabi, que foi quen nos ensinou, aínda que por desgraza quedamos subcampións. Ademais, ese ano compaxinei o fútbol sala co fútbol once no Cedeira.”


David, á dereita. Á esquerda, Brais, hoxe delegado do club.

— Como viviches o parón da pandemia cando xogabas en cadetes?

“Foi duro, con rabia. Estaba disfrutando moito do fútbol e parou todo de golpe. Botábase moito de menos adestrar, xogar e estar cos compañeiros. Iso fíxome valorar aínda máis o fútbol.”

— Como foi o paso de porteiro a xogador de campo?

“Custou pensalo, pero necesitaba máis liberdade. Fixen o cambio no Cedeira con Suso Carracelas, que sempre me apoiou e me deu oportunidades en varias posicións.”


Equipo cadete da tempada 2019/2020, un curso marcado pola ilusión e interrompido pola pandemia da COVID-19.
Saídas e aprendizaxes

— Como se vive ter que deixar o club do teu pobo por falta de equipos base?

“Non é fácil. Marchas sen saber se volverás xogar no club da túa infancia. Por sorte, sempre fun ben recibido alí onde fun.”

— Que che deixou o paso por Irmandiños e o regreso ao Cedeira?

“No Irmandiños non foi como esperaba. A pesar de compartir equipo cos compañeiros de sempre, había moita falta de xente e iamos tirando como podiamos. Despois dese ano volvín ao Cedeira no meu último ano de xuvenís, reencontrándome con Gabi despois de moito tempo. Non foi tampouco a tempada que soñaba, porque as lesións non me deixaron desfrutar do fútbol con tranquilidade.”

Volver á casa: A oportunidade cando todo parecía parado

— Despois de tanto tempo adestrando sen ficha e incluso pensando en deixar o fútbol, que che fixo seguir insistindo ata chegar esa oportunidade?

“Estiven dúas tempadas adestrando sen ficha e, xusto no ano no que xa pensaba deixar o fútbol por un tempo, apareceu a oportunidade de facer a pretemporada co Cebarca. Fixome moita ilusión que confiasen en min e decidín dar todo o que tiña, sen pensar en nada máis.”

— Que significou debutar co primeiro equipo tras dúas tempadas sen competir?

“Durante a pretemporada din todo o que levaba dentro e, ao final, ese esforzo tivo recompensa podendo debutar co primeiro equipo. Foi algo moi especial. Agora só falta meter un gol… aínda que iso xa é bastante máis difícil (risas).”

David no momento entes de salir al campo frente a A Capela

— Como se vive cando os minutos non chegan pero o compromiso segue intacto?

“Nunca lle dei moita importancia aos minutos. Esfórzome cada adestramento e sei que a oportunidade chegará. Mentres o equipo vaia ben, eu estou tranquilo.”

“Mentres o equipo vaia ben, eu estou tranquilo.”

A lesión

— Como viviches a lesión ante A Capela?

“Foi bastante duro. Quería aproveitar cada minuto e nunha xogada tonta chegou a lesión. Pero cando volva, fareino coas mesmas ganas e ilusión.”

— Que che dá forzas agora?

“Saber que me quedan moitos anos de fútbol e ver como os meus compañeiros loitan cada semana polo Cebarca.”

Sentimento

— Que fai especial ao Cebarca?

“O trato. Funciona como unha gran familia. Sempre te sentes arroupado. Aquí medras como xogador e como persoa.”

“Ver ao Cebarca nunha final de Copa parecía algo irreal para un pobo tan pequeno.”

— Como viviches momentos como a final da Copa 2023 ou a fase de ascenso?

“Con moitísima ilusión. Parecía irreal para un club dun pobo pequeno. Son momentos que non se poden explicar con palabras.”

Afección, fume e sentimento: así se viviron os días máis inesquecibles do Cebarca.

Familia e futuro

— Que significa para ti a ligazón familiar co club?

“Faino aínda máis especial. A miña irmá Elena xogou no feminino e a miña nai Vicky colaborou na cantina. O Cebarca vívese na miña casa.”

— Como ves o futuro do club?

“Vexo moito futuro. O conseguido nos últimos anos demostra o traballo que hai detrás. Se este ano non se dá, chegará.”

— Ao longo destes anos compartiches vestiarios, amigos, momentos bos e tamén etapas difíciles. Mirando atrás, máis alá dos minutos ou das categorías, que che deu o fútbol como persoa e que é o máis valioso que levas contigo deste camiño?

“Compartín vestiario con amigos que hoxe forman parte da miña vida e vivín momentos moi bos, pero tamén etapas difíciles que me ensinaron a non renderme. Levo comigo risas, anécdotas que nunca se esquecen, partidos que quedarán para sempre na memoria e, xa sexa como futbolista ou como afeccionado, a sensación de pertenza a algo máis grande. Iso é o máis valioso que levo comigo.”

David é un deses futbolistas que representan o Cebarca sen necesidade de grandes palabras. Co seu compromiso e coa súa maneira de sentir o club, explica á perfección o que significa vestir este escudo. Desde o club só podemos agradecerlle a súa sinceridade e desexarlle unha pronta recuperación, coa certeza de que contará co apoio do vestiario e da afección. Agardámolo de volta no Bernardino Breijo, coa ilusión de sempre.



Comentarios

Deja un comentario