
O noso adestrador, Fernando Gundín, foi protagonista esta semana no programa Tribuna Deportiva Ferrol de Metro FM, dirixido por Juan Galego. Nunha entrevista amena e cargada de fútbol, repasou a actualidade do equipo, o ambiente no club e os retos que nos esperan nesta tempada 2025/26 en Segunda Galicia.
O cartel de favoritos
Moitos sitúannos como un dos equipos a bater esta tempada, pero o míster deixou claro que ese rol hai que gañalo xogando:
“O favoritismo hai que demostralo no campo. O feito de ter xogada unha fase de ascenso o ano pasado non garante nada este ano. No fútbol non hai matemáticas”.
A plantilla e o estilo
Mantemos a esencia do grupo, con poucas baixas e reforzos puntuais:
“Reforzámonos nas posicións que necesitabamos e cremos que nos reforzamos ben”.
En canto ao xogo, non haberá revolucións:
“Sempre hai que avanzar algo e adaptarse aos xogadores que temos, pero non haberá un cambio radical respecto ao ano pasado”.
Afección e directiva
Gundín destacou a importancia da nosa xente, que sempre nos acompaña no Breijo:
“A parroquia do Cebarca caracterízase por apoiar moito. Este ano tamén se respira ilusión e ganas de que empece a competición”.
Unha liga máis competida
O técnico sinalou que esta vai ser unha das ligas máis esixentes dos últimos anos:
“Todos os equipos se reforzaron moito. Hai 7-8 que poden estar arriba, pero calquera pode gañar a calquera. Vai ser unha liga moi competida e bonita”.

Sen presión, pero con ambición
Respecto aos obxectivos, Gundín foi claro:
“O noso único obxectivo é competir e que a afección se sinta orgullosa. Non hai unha esixencia de igualar ou mellorar o do ano pasado. Se se pode loitar por algo máis, loitarase”.
Engadiu ademais que a ausencia de presión externa é unha vantaxe:
“Desde o club non hai esa presión, e iso axuda moitísimo. Outra cousa é a presión interna que todos temos por gañar e dar o máximo”.
O primeiro desafío
A liga comezará no Bernardino Breijo ante un rival de altura:
“O Numancia de Ares é un dos claros aspirantes ao ascenso. Non cambiaron moito respecto ao ano pasado e vai ser un rival durísimo para empezar”.
🔵⚪ A voz do noso míster reflicte á perfección o espírito co que encaramos esta tempada: humildade, traballo e ilusión compartida coa nosa afección.

#UDCebarca #PaixónEOrgulloDeCerdido #FútbolGallego

Deja un comentario